
Este venres, día 19 de setembro, ás sete da tarde, a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, (rúa Antonio Otero, 19), acollerá o evento Soberanía Dixital VII: Contra-algoritmia. “Unha actividade pensada para achegar ó público en xeral a unha mellor comunicación e comprensión do control que podemos sufrir co uso dos programas informáticos a través das redes que usamos para comunicarnos”, anuncia a organización, a cargo do colectivo amarinha.gal.
A actividade consistirá nunha presentación, exemplos, reparto de fanzine e máis, incluído un coloquio no que participará toda persoa interesada. Esta é a sétima actividade do ciclo que se está a desenvolver ó longo de 2025, impulsado polo grupo amarinha.gal, en locais solicitados e concedidos polo Concello para sucesivas presentacións e talleres sobre “a moitas veces esquecida necesidade de soberanía dixital”.
Como complemento, será repartido por amarinha.gal un novo fanzine en galego, neste caso con artigos relacionados “coa invasión das nosas vidas polos algoritmos programados por grandes empresas e institucións”.
A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas, interesadas en mellorar o seu coñecemento sobre “como os algoritmos tentan controlar e dirixir a nosa vida e as consecuencias disto”.