A FCAM e Reyco renovaron o seu convenio de colaboración para levar aos centros de FP o ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña

A FCAM e Logística Reyco veñen de renovar o convenio de colaboración polo que a empresa de Fazouro (Foz) estará presente na segunda edición do ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña que a FCAM levará adiante ao longo dos vindeiros meses polos centros de FP da comarca. 

A FCAM e Reyco así o plasmaron no documento asinado polo CEO da empresa de transporte e loxística, Iván Marrube, e pola presidenta da federación empresarial mariñá, Carmen Cruzado. 

Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento: “desde a FCAM queremos agradecerlle o seu apoio económico a Logística Reyco, xa que estará presente como entidade patrocinadora na segunda edición do ciclo O futuro laboral na Mariña. Volveremos así aos centros de FP da comarca para seguir contándolle á mocidade que aquí hai traballos moi dignos en moitos sectores e empresas e que na Mariña hai futuro”. 

A presidenta da FCAM declarou: “Reyco foi a primeira empresa en unirse a este proxecto o ano pasado. Renovamos agora este acordo e xa podemos anunciar que outra firma máis se sumará a este ciclo. Desexamos que estas colaboracións poidan ter continuidade no futuro e que sexan moi positivas tanto para a FCAM como para Reyco”. 
O CEO de Reyco, Iván Marrube, dixo: “sumámonos encantados a este proxecto para a posta en valor dos traballos na Mariña Lucense. Consideramos que é bo dar a coñecer aos estudantes que nesta comarca poden optar a postos de traballo da mesma calidade que en calquera outro lugar”.

Marrube comentou que “a experiencia que vivimos o ano pasado foi moi positiva. Sabemos que calou na mocidade e por iso queremos apostar de novo nesta segunda edición”. 

O CEO de Reyco sinalou que “hai a tendencia a pensar que o de fora todo é mellor e nos comprobamos cada día que na Mariña hai empregos de iguais e mellores condicións que noutros lugares do país”. 

Desde a FCAM subliñaron que “aqueles centros de ensino da Mariña que queiran achegar ao seu estudantado este ciclo de charlas sobre o futuro laboral nesta comarca poden contactar con nós a través da seguinte dirección de correo electrónico amarinafederacionlugo@gmail.com Desde a FCAM e desde as firmas patrocinadoras estaremos encantados de achegarlles en primeira persoa as experiencias de empresarios e traballadores asentados na Mariña”.