A II Mostra de Cantareiras/os de Cervo celébrase este sábado, 11 de outubro

O Concello de Cervo convida á veciñanza e visitantes a asistir á II Mostra de Cantareiras/os de Cervo, que se celebrará este sábado, día 11 de outubro, ás 18:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Esta actividade forma parte dos actos conmemorativos do 50 aniversario da Asociación Cultural Airiños do Xunco, “unha entidade de referencia no municipio e na comarca que leva medio século traballando de xeito incansable na dinamización cultural e na preservación das tradicións musicais galegas”, destaca o Concello de Cervo.

Na mostra participarán A.C. Amado Lar (O Valadouro), A.C. Troula do Ortegal (Ortigueira), A.F. Arco da Vella (San Miguel de Reinante) e as anfitrioas Cordenaia (Cervo), que se xuntarán “para ofrecer unha tarde chea de música tradicional galega e de reivindicación do papel das cantareiras/os na nosa cultura popular”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou a cita en compañía de Rafa, Isabel e Raquel Blas, e de Maite Rego, en representación de Ariños do Xunco, que organiza o evento coa colaboración do Concello de Cervo, e destacou que “a posta en valor da cultura e das tradicións propias é unha ferramenta fundamental para fortalecer a identidade colectiva e para transmitir ás novas xeracións un patrimonio que é de todos e todas”. E quixo recoñecer especialmente o papel de Airiños do Xunco, que “ao longo destes 50 anos se ten convertido nun símbolo de compromiso, entrega e paixón pola música tradicional e pola cultura galega”.

O Concello de Cervo anima a toda a cidadanía a participar nesta II Mostra, que “promete ser unha celebración única da nosa música e do noso patrimonio cultural”.