
O Concello de Viveiro celebrará o sábado 25 de outubro o terceiro Foro Económico, titulado Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña, “un espazo de diálogo que reunirá a empresas, administracións públicas, entidades asociativas e representantes do ámbito universitario co obxectivo de analizar o presente e o futuro económico da comarca”.
O encontro terá lugar no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas e “o obxectivo é poñer en valor as oportunidades de alto rendemento que poden xurdir de sectores clave como o forestal, o turismo ou a gastronomía, fomentando un desenvolvemento produtivo, sostible e con valor engadido para o territorio”.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, subliña que “este foro é unha mostra do noso compromiso coa cooperación e coa creación de sinerxías entre todos os axentes que contribúen ao progreso da nosa comarca”.
O programa arrancará ás 10.00 horas coa benvida institucional. Ás 10.15 horas, terá lugar a intervención titulada A oportunidade da Galicia industrial, verde e sustentable. A partir das 10.30 horas desenvolverase unha mesa de debate centrada no sector forestal, moderada por Antonio Rigueiro, na que participarán Sara Montero López (Maderas Edelmiro) e José Manuel Tubío (Ence), ademais do propio Rigueiro, en representación da Universidade e da Asociación Forestal de Galicia. O panel analizará as fortalezas e debilidades do sector e presentará propostas de futuro para un modelo forestal produtivo, sostible e rendible. Ás 12.00 horas, celebrarase a mesa redonda O futuro de Viveiro, moderada por Hugo Criado e coa participación de representantes de Corpus Services (Pedro Manuel López Pernas), Electromecánicos Viveiro (José Daniel Costa), Transportes Valín e Embutidos Montepicato (Eduardo Valín), así como da directora do IGAPE.
O foro pecharase ás 13.00 horas coa intervención da alcaldesa, que porá fin á xornada antes dun aperitivo de clausura.