
Este venres, día 24 de outubro, ás 19:00 horas o Salón de Plenos da Casa do Concello de Burela acollerá o cinefórum titulado Olladas do Sur. Cinema en curto desde a África lusófona, unha actividade promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración co Concello de Burela.
O evento consistirá na proxección de tres curtametraxes procedentes de Cabo Verde, Mozambique e Guinea-Bissau, que abordan distintas temáticas vinculadas coa realidade destes países. Tras as proxeccións haberá un coloquio co público asistente, no que se reflexionará sobre os contidos e mensaxes das pezas audiovisuais.
O Concello de Burela explica que “Olladas do Sur ten como obxectivo dar a coñecer a realidade de Cabo Verde, Mozambique e Guinea-Bissau e a súa relación con Galicia, así como visibilizar a diversidade sociocultural e ofrecer narrativas alternativas aos estereotipos sobre o continente africano. A iniciativa tamén pretende poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento e os proxectos que o Fondo Galego impulsa na África lusófona. A actividade, cun formato lúdico, participativo e transformador, está dirixida ao público xeral e terá unha duración aproximada de 90 minutos”.
O tenente da alcaldesa, Mario Pillado, sinalou que “este tipo de accións permiten achegar á cidadanía realidades que adoitan ser descoñecidas, fomentar o diálogo intercultural e xerar empatía”, e destacou “a importancia de iniciativas que empregan a arte como ferramenta educativa e de sensibilización”.