Foz acollerá o 15 de novembro unha xornada de divulgación dos recursos do mar organizada polo GALP A Mariña-Ortegal

O GALP A Mariña-Ortegal realizará o 15 de novembro, sábado, en Foz unha xornada divulgativa e inmersiva para a posta en valor da riqueza dos ecosistemas mariños. O proxecto inclúe unha exposición fotográfica internacional, inmersión 360 e contido exclusivo sobre a biodiversidade e os hábitats submarinos de Galicia.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal pon en marcha DIVULMAR, un proxecto integral de sensibilización dirixido a toda a cidadanía “co obxectivo de conxugar a posta en valor da riqueza dos fondos mariños coa concienciación sobre o consumo responsable. A iniciativa, organizada por Maremasma, profesionais da bioloxía mariña e a conservación con máis de 10 anos de experiencia, aposta por un formato educativo e inclusivo, onde o obxectivo fundamental é a posta en valor do patrimonio medioambiental do territorio da Mariña-Ortegal e a importancia do coidado e da conservación da súa biodiversidade a través dun enfoque didáctico e práctico. O proxecto ten un forte compoñente de investigación e divulgación: ademais de documentar por primeira vez certos hábitats submarinos vulnerables, creará contido exclusivo sobre pesca e consumo”.

DIVULMAR presenta “un amplo abano de actividades e materiais deseñados para conectar á toda a poboación co medio mariño:  Experiencia 360, mergullando nos ecosistemas mariños (os participantes poderán coñecer os fondos da Mariña-Ortegal a través dunha inmersión con lentes de realidade virtual, narrada por profesionais, dirixida a todos os públicos; Exposición Fotográfica, presentación da mostra titulada Océanos, unha viaxe dende as augas de A Mariña-Ortegal ata os diferentes ecosistemas mariños do mundo; Exposición de Biodiversidade Mariña e Impactos, unha mostra didáctica que aborda tanto a inmensa riqueza da fauna e flora local como a problemática da contaminación e os residuos; Obradoiro de pintura sobre o medio mariño, enfocado principalmente ao público infantil; e Vídeos Exclusivos, presentación dun vídeo con imaxes capturadas in situ polos propios membros do equipo de Maremasma, que garanten a autenticidade da documentación e ilustran as especies máis características (o vídeo pon en valor o patrimonio mariñeiro e os recursos costeiros da contorna de A Mariña-Ortegal.

Segundo Rosana González Vizoso, xerente do GALP A Mariña-Ortegal, “este proxecto é vital porque achega a riqueza do noso mar dun xeito interactivo e innovador a toda a sociedade. Queremos que a cidadanía, a través da investigación dos nosos hábitats vulnerables e do coñecemento das artes de pesca sostibles, se converta en embaixadora da sostibilidade do noso territorio”.

A xornada céntranse nun programa de actividades aberto á cidadanía en xeral (experiencia 360, obradoiros, exposicións) e terán lugar en Foz o 15 de novembro. A inscrición para a experiencia de lentes 360 realizarase in situ o mesmo día das xornadas e atenderase segundo orden de chegada.

A xornada desenvolverase no CENIMA o 15 de novembro de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00h a 19:00. E a exposición estará aberta do 17 ao 30 de novembro no horario habitual do CENIMA.