Burela acolle este venres, 31 de outubro, a representación de 'A Lola', de Avelaíña Teatro

Avelaíña Teatro representará na Casa da Cultura de Burela este venres, día 31 de outubro, a súa obra A Lola, ambientada no franquismo de mediados dos anos 60.

A representación está recomendada para un público maior de 14 anos. Será ás 21:00 horas na Casa da Cultura, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

O Concello de Burela explica que “o texto de Manuel Ayán reivindica as historias das mulleres que sobreviviron aos seus maridos asasinados polo terror franquista, e trata tamén os feitos da II República, a guerra civil e a posguerra. Na obra recréanse o ambiente, os ideais e a confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade, a dos valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas e a do proxecto constitucional-republicano de progreso e liberdade”.

O elenco está formado por Manuel Ayán, Amparo Urtaza, Xulio Leal, Marisé Pérez, Pilar Pérez, Xosé Álvarez e Miguel Martín, responsable tamén da música e a iluminación. Juan Iglesias é o encargado do soporte informático.