
A asociación ribadense As Vacas Fracas organiza un magosto en Cedofeita, no municipio de Ribadeo, para este sábado, día 15 de novembro.
“Este ano vimos cun feixe de propostas que nos quentan o corazón e nos poñen ben contentas e, por suposto, non faltarán as castañas”, anuncia o colectivo As Vacas Fracas.
As actividades comezarán ás 16:30 horas cun taller de percusión con instrumentos cotiáns da man de Miguel Barbazán. Os participantes experimentarán coa percusión tradicional en latas de pemento, tixolas, cunchas e culleres. Ás 17:00 haberá un obradoiro familiar con O Recuncho das Argalladas para aprender a construír un xoguete tradicional.
“Broche de ouro coa actuación de Saíñas, de Xove, dentro do programa Tradigalu, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A música tradicional galega encherá de vida o Pazo de Cedofeita (Ribadeo) este 15 de novembro ás 19:30 horas coa actuación do grupo Saiñas. Unha cita para gozar das nosas raíces, que manteñen viva a cultura popular galega. E despois foliada aberta ata que o corpo aguante!”, explica a asociación As Vacas Fracas.


