
Este sábado, 15 de novembro, terá lugar na Pontenova o terceiro sorteo da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, que organiza a FCAM. En xogo estarán outros 500 euros en vales de compra.
Desde a FCAM a súa presidenta, Carmen Cruzado, explica que “todas as persoas que desde o 10 ao 15 de novembro fagan as súas compras nos negocios asociados a Acisa Ribadeo e á Asociación de Comerciantes da Pontenova poderán participar no sorteo. So teñen que achegarse entre as sete e as oito da tarde pola Praza do Concello, na Pontenova, a obter as súas papeletas. Por cada tícket de compra que nos amosen recibirán un boleto para participar no sorteo que realizaremos a partir das 20:00 horas. Haberá tres premios en vales de compra de 250, 150 e 100 euros”.
Cruzado Iglesias lembra que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio, nese que temos a carón das nosas casas. E estámolo a facer traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, a escritura, o deporte ou o cine. Queremos que sexan un reclamo comercial e por iso van vir pasar unha fin de semana con nós”.
Ata Ribadeo e A Pontenova vanse achegar esta fin de semana Almudena Navarro, comunicadora en Cadena 100, dj, voz publicitaria e de dobraxe e presentadora de tv; José Real, xornalista e responsable dos informativos no programa Buenos días Javi y Mar de Cadena 100; e Arsenio Coto, xornalista en medios audiovisuais e escritos desde hai 34 anos.
A presidenta da FCAM e de Acisa Ribadeo indica que “o que faremos o sábado será visitar xunto a estes convidados o comercio local de Ribadeo e diferentes enclaves turísticos deste concello. Pola noitiña estaremos co sorteo na Pontenova, onde tamén terán a posibilidade de coñecer a súa riqueza patrimonial. Esta visita servirá ademais para que saboreen a exquisita gastronomía desta terra”.
Desde a FCAM animan “á clientela dos negocios de Ribadeo e da Pontenova a achegarse este sábado á Praza do Concello pontenovés ao terceiro sorteo da campaña da FCAM De compras polo comercio da Mariña Lucense. Contamos cun gran comercio nesta comarca e cunha importante hostalería, que sempre sorprenden a quen nos visita ao longo de todo o ano. Desde a FCAM queremos seguir facendo Mariña, queremos contar con máis asociacións de comerciantes e hostaleiros nos pobos desta comarca para, entre todos, organizar máis eventos que contribúan á dinamización económica desta zona”.
A campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense está organizada pola FCAM e conta co financiamento da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.


