Burela acolle a IV Andaina Contra a Violencia de Xénero o 30 de novembro

O Concello de Burela convoca á cidadanía a participar na IV Andaina contra a Violencia de Xénero, que terá lugar o domingo 30 de novembro ás 11:00 horas. A actividade enmárcase nas accións polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A andaina seguirá unha ruta circular de 8 quilómetros, de baixa dificultade, con saída e chegada na Praza da Mariña, co obxectivo de promover a participación veciñal nun acto “simbólico e colectivo de rexeitamento á violencia de xénero”, segundo explicou a concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández.

A concelleira destacou que “este tipo de accións son importantes porque visibilizan a unidade social fronte á violencia e recordan que a igualdade constrúese cada día, tamén desde o espazo público”. Engadiu ademais que “a participación cidadá é clave para reforzar a mensaxe de que toda forma de violencia contra as mulleres debe ser erradicada”.

O proxecto conta coa colaboración da Asociación Pasada das Cabras e está financiado con cargo aos créditos recibidos polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, coa colaboración da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.