
A compañía teatral Tarabela Creativa representará obra Vaites rapariga! este sábado, día 22 de novembro, ás 19:00 horas no Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros. A entrada é de balde.
É unha actividade organizada polo Concello de Barreiros, que anuncia: “un espectáculo de narración oral e música ao vivo, un auténtico western á galega”.
A sinopse é a seguinte: “non é preciso darlle moitas voltas: este é un western, deses do salvaxe Oeste. Salvaxe, pero non lonxano, ollo. Porque Carmen 'Lingua Afiada' Conde e Su Garrido 'Guitarra Lenta' Pombo únense para traernos as historias e as melodías do noso Noroeste. Onde as paisaxes galegas, os seus personaxes, o seu xeito de buscarse a vida, de enfrontarse aos conflitos e de explorar novas posibilidades teñen un aquel coas pelis de vaqueiros. Unha contada ao galope entre o salvaxe Oeste americano e o feroz Noroeste galego, con toques de humor negro, surrealismo, emotividade e certo aire explosivo. Tres historias: unha heroína que lidera a resistencia dos nativos chairegos; un home delirante que marcha do Canón do Sil ao Canón do Colorado; e o foraxido con máis chiripa de toda a costa oeste, de corazón grande e mans pequenas, que a caga xusto no último momento. Todo aderezado por una banda sonora a base de voz, pandeireta, sacho, guitarra e loop”.


