
A campaña da FCAM titulada De compras polo comercio da Mariña Lucense chegará o 29 de novembro a Burela con novos convidados.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica que “o sistema será o mesmo que viñemos realizando nos sorteos anteriores que tiveron lugar en Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova e Xove. As persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados a Acia Burela entre o 24 e o 29 novembro entrarán no sorteo de 500 euros en vales de compra. O día 29, o vindeiro sábado, ás 20:00 horas na Praza da Mariña, terá lugar o devandito sorteo. E os convidados especiais cos que imos contar serán os encargados de entregar os vales de compra ás persoas afortunadas. Con eles imos visitar diferentes enclaves turísticos de Burela e ademais imos amosarlles a excelente gastronomía coa que contamos na Mariña Lucense”.
Ata Burela viaxarán o director de cine Ángel de la Cruz, a actriz e presentadora Estíbaliz Veiga, a xornalista e escritora María Solar e o guía turístico Guido Guía.
Desde a FCAM subliñaron que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio das nosas vilas. E facémolo traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, da música, da escritura, do deporte ou do cine. Queremos que eses persoeiros sexan un reclamo comercial e por iso veñen pasar unha fin de semana entre nós. Arrincamos a finais de outubro en Foz e Barreiros, seguimos o noso percorrido por Lourenzá e Mondoñedo, por Ribadeo e A Pontenova, por Xove e Viveiro e remataremos en Burela o vindeiro sábado, día 29”.
En Burela tivo lugar a presentación da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense. No acto participaron a alcaldesa, Carmela López; e a presidenta e o vicepresidente de Acia Burela, Eva Luaces e Jorge Oroza.


