Todo está listo en Ribadeo para a chegada de Papá Noel o vindeiro 24 de decembro

Todo está listo en Ribadeo para a chegada de Papá Noel o vindeiro 24 de decembro. 

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explica que “por primeira vez Papá Noel percorrerá as rúas de Ribadeo desde o Hiper Eroski, en Vilar, ata o Concello. Vai estar moi ben acompañado, xa que virá con dous Elfos, con Mickey e Minni e con algúns Pitufos”.

A edil ribadense conta que “Papá Noel estará no Hiper Eroski de cinco a seis da tarde e despois pasará pola Avenida de América, Avenida de Galicia, Vilalba, San Roque, Ramón González, Doutor Moreda, Reinante, Villafranca del Bierzo, San Francisco, Avenida de Asturias, Clemente Martínez Pasarón e Concello de Ribadeo, onde terá lugar a recepción. Alí as nenas e os nenos poderán achegarse a saudar a Papá Noel”.

Saiz fai unha chamada “a veciñanza de Ribadeo e de toda a contorna para que enchan as rúas da nosa vila a tarde de Noiteboa e Papá Noel sexa recibido como se merece, con moito cariño e con moita ilusión”.

A concelleira de Comercio e Turismo engade: “estamos moi contentos de que Papá Noel nos faga un oco na súa axenda para desfilar polas rúas de Ribadeo”.