Ribadeo acolle o “Encontro Agroecolóxico Saúde e Cooperación” este sábado, 27 de decembro

Ribadeo acolle este sábado, día 27 de decembro, o evento titulado Encontro Agroecolóxico Saúde e Cooperación.

Está organizado polo colectivo Eo Alimenta, que anuncia: “este sábado temos unha cita en Ribadeo, na Casa do Viejo Pancho. De 16:30 a 17:30 horas contaremos con María González, para a charla taller O impacto da alimentación na saúde da muller. A alimentación ten un papel decisivo na saúde da muller ao longo de toda a súa vida. Neste taller abórdase como os alimentos inflúen no equilibrio hormonal, na saúde intestinal, na inflamación e no benestar físico e emocional desde a infancia ata a menopausa. Explícase a importancia de consumir alimentos de calidade, ecolóxicos, de tempada e proximidade, destacando o impacto negativo dos pesticidas e dos disruptores endócrinos na saúde feminina. O taller percorre as distintas etapas vitais (adolescencia, etapa fértil, embarazo, lactación e menopausa) mostrando como unha alimentación axeitada pode previr trastornos hormonais, mellorar a fertilidade, reducir síntomas e promover unha mellor calidade de vida. De 18:00 a 19:00 daremos paso a temática dos grupos de consumo, contando con persoas con ampla experiencia neste eido”.