Todo está listo en Ribadeo para a Cabalgata de Reis, que terá lugar o luns 5 de xaneiro desde as 18:00 horas

Todo está listo en Ribadeo para Cabalgata de Reis, que terá lugar o vindeiro luns, 5 de xaneiro, a partir das 18:00 horas.

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explica que “as súas Maxestades de Oriente sairán nas súas carrozas desde a rúa Clemente Matínez Pasarón para percorrer acompañados de todo o seu séquito as principais rúas de Ribadeo”.

A edil ribadense subliña que “hai moito traballo detrás de todo o que as familias van poder ver na rúa o vindeiro luns, 5 de xaneiro. O Concello organiza esta cita coa que colaboraron moitas persoas voluntarias ao longo das últimas semanas ás que hoxe lles queremos agradecer todo o traballo e o apoio. Ao igual que ás empresas de Ribadeo, polas súas achegas como patrocinadores ou colaboradores, canalizadas a través de Acisa Ribadeo, a quen tamén lle agradecemos desde o Concello a súa labor. Todos xuntos tentamos darlle un aire novo á Cabalgata de Reis de Ribadeo para que luza diferente e o máis bonita posible”.

Marta Saiz indica que “unha vez rematado o percorrido Melchor, Gaspar e Baltasar dirixiranse ata o Concello de Ribadeo e desde o balcón saudarán aos presentes. E xa despois será cando se trasladen ao Salón dos Alcaldes para recibir a todas as nenas e os nenos que queiran achegarse a velos e a facer fotos con eles”.

A concelleira de Comercio de Turismo, Marta Saiz, engade: “son unha tarde e unha noite moi especiais para os máis pequenos da casa e consideramos que Ribadeo creará toda a maxia que unha cita deste tipo precisa”.

Marta Saiz e a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, animan “a encher as rúas de Ribadeo o vindeiro luns, 5 de decembro, a partir das 18:00 horas para que as súas Maxestades de Oriente se sintan arroupados e queridos. Veñen de moi lonxe e agárdaos unha longa noite de reparto de agasallos por todos os fogares ribadenses”.