
Este venres presentouse no Pazo de San Marcos o VIII Foro Labrego de Agroecoloxía titulado A agroecoloxía é o relevo, que se celebrará os días 7 e o 8 de febreiro no Pazo de Santomé, en Mondoñedo.
Estas xornadas, organizadas polo Sindicato Labrego Galego coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúen palestras centradas no relevo xeracional, visitas a proxectos labregos e xantares agroecolóxicos.
O deputado de Rural Daniel García e Isabel Vilalba, da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego, presentaron o programa do foro, nun acto que contou tamén coa presenza de Eloi Cabanas, concelleiro do BNG en Mondoñedo.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo explica que “a responsabel do Sindicato debullou un programa cun importante peso da parte formativa. As persoas mozas con interese en incorporarse á actividade demandan acceso á formación en proxectos que sexan rendibles. De aí que contemos con persoas de distintos ámbitos, desde a universidade ou a formación profesional agraria ata as oficinas comarcais agrarias ou espazos innovadores como Eo Alimenta, ademais de experiencias directas de persoas que xa pasaron polo proceso de dar o relevo, tanto na produción de carne como de leite ou horta”.
Daniel García destacou que “a temática do relevo xeracional debe ser prioritaria no deseño das políticas de desenvolvemento rural e na aplicación transversal de políticas encamiñadas a dar resposta á crise demográfica nos entornos rurais”.
O deputado incidiu na importancia de fortalecer “modelos produtivos baseados na sustentabilidade e na produción de alimentos saudables e de calidade diferenciada con formación e cunha rede de entidades de apoio e asesoramento sólidas. Hoxe máis ca nunca, tras a ameaza directa que supón o acordo entre a UE e Mercosur, defendemos modelos que prioricen os dereitos das persoas labregas, a sostibilidade e a produción propia de alimentos”. Nese terreo encadrou a colaboración da área de Rural coa organización da xornada, que vinculou a outras iniciativas impulsadas desde a entidade provincial “desde o respecto polo medio, a herdanza da nosa tradición agraria e a xestión do territorio, como o programa Da Escola á Granxa ou o apoio ao grupo de produtoras Eo Alimenta”.
No acto destacouse tamén a escolla de Mondoñedo como sede do foro como “lugar emblemático do potencial da produción de horta”.
As persoas que desexen asistir á xornada poden inscribirse nos formularios dispoñibles na web e nas redes sociais do Sindicato Labrego Galego.


