O Centro Sociocomunitario de Mondoñedo organiza proxeccións de cine e dous obradoiros de baile gratuítos

A Xunta de Galicia anuncia que o Centro Sociocomunitario de Mondoñedo, dependente de Consellería de Política Social e Igualdade, acolle estas semanas sesións de cinema, dous obradoiros de baile gratuítos e unha xornada informativa sobre o uso axeitado dos medicamentos.

Todas as exhibicións cinematográficas comezan ás 17:00 horas. Os próximos títulos que se proxectarán son a produción arxentina-española El Cuento de las Comadrejas, de Juan José Campanella -o luns 2 de marzo-; o documental En todas as mans, sobre os montes veciñais en man común, da cineasta de Redondela Diana Toucedo, -o mércores día 4-; Barbie (EEUU), dirixida por Greta Gerwig  -o luns 9-; o filme francés Delicioso, de Éric Besnard -o mércores 11-; e a película Asuntos de familia, de Maha Haj, que se proxectará o luns 16.

A Xunta explica que “as sesións de cine enmárcanse no proxecto Lectura Sénior, impulsado pola Administración galega para fomentar o acceso das persoas maiores a recursos culturais e de entretemento do seu interese, non só libros senón tamén películas, música ou os formatos escollidos polos usuarios. A iniciativa lévase a cabo en colaboración coa Biblioteca Pública da Xunta en Lugo, que facilita materiais do seu extenso catálogo. A proposta púxose en marcha na residencia de maiores das Gándaras (Lugo) e xa se está a traballar para ampliala a outros centros”.

En canto ás clases de baile, serán impartidas pola escola Hover Cross e terán acceso aberto e gratuíto. O mércores 25 de febreiro ás 17:00 horas haberá un obradoiro de merengue; e o mércores 25 de marzo á mesma hora outro de cumbia.

O programa para este período complétase cun taller sobre o emprego correcto da medicación, impartido pola Escola Galega de Saúde Pública. Será o mércores 18 de marzo ás 17:00 horas e para asistir hai que inscribirse previamente.