
Acisa Ribadeo ven de aprobar, na súa asemblea anual, por primeira vez un calendario unificado para o sector comercial. Trátase dunha recomendación que contou co respaldo maioritario dos asistentes.
Carmen Cruzado, presidenta de Acisa, explicou que “na asemblea ordinaria, que tivemos onte, aprobouse o primeiro calendario unificado de aperturas e peches para o comercio da nosa entidade. Trátase dun calendario que nace como orientación e coma unha recomendación xeneralizada, coa que Acisa promocionará os días que se fixaron de apertura e que busca que todo o comercio da vila abra e peche de forma unánime en cada ocasión. Non é unha medida obrigatoria, pero gustaríanos que a maior parte do comercio a asuma como propia. Todos os socios e socias coñecen xa o calendario aprobado, e o que buscamos é evitar esa confusión que soe haber cada dia véspera de festivo entre os comercios. Queremos que as dúbidas desaparezan e que dende principios de ano sexa algo que todos teñamos claro e incluso tamén a nosa clientela, facilitando que tanto os establecementos coma nos mesmos poidamos facer promoción da apertura nos días festivos que corresponda”.
Segundo detalla o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, “este calendario, como é lóxico respecta os días de obrigado peche por lei: 1 de xaneiro, 1 de maio, 17 de maio, 25 de maio e 25 de decembro. Respecto os festivos Acisa aprobou abrir o comercio ribadense o 2 de abril (xoves santo) todo o dia, 24 de xuño (San Xoán) todo o día, 15 de agosto todo a xornada e 16 e agosto (por ser domingo toda a maña) por seren os 2 días de maior afluencia turística do ano, 12 de outubro (para quen abra xa que é luns), 6 de decembro solo pola maña, xa que é domingo, e 8 de decembro todo o dia. E polo tanto os días de peche recomendado son: 17 de febreiro, 19 de marzo (San Xosé), 3 de abril (venres santo), 8 de setembro (día da Patroa). Con esta distribución, respectamos o que de modo tradicional se ven facendo na maioría do comercio en Ribadeo dende hai anos, intentando respectar tamén datas sensibles e intentando buscar un equilibrio para fomentar a conciliación laboral e familiar”.


