O Foro Social da Mariña organiza unha conferencia coloquio en Burela sobre dependencia e discapacidade este venres, 6 de marzo

O Foro Social da Mariña organiza unha charla coloquio titulada Dependencia e Discapacidade: Problemas e propostas. Celebrarase este venres, 6 de marzo, ás 20 horas na sala de conferencias da antiga biblioteca de Burela e terá como ponente a Francisco L. Vázquez Vizoso, epidemiólogo e médico especialista en medicina preventiva, ex xefe do servizo de medicina preventiva do complexo hospitalario de Pontevedra e membro do grupo promotor da Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia  e Discapacidade (ASGADeD).

“Lonxe da visión actual da Xunta de Galicia, a análise dos datos do Sistema para a Autonomía e  Atención á Dependencia en Galicia (SAAD), amosa para unha redución das prestacións de servizos esenciais, como os servizos de atención no fogar (SAF), os servizos de centros de día (SCD), ou os dos servizos de prevención e promoción. Asemade, segundo estimacións publicadas nos medios de comunicación recentemente, o déficit de prazas residenciais en Galicia estímase en 11.509 en 2024. Todo elo dentro dunha estratexia de abaratamento de custes que reduce a calidade dos coidados e perpetúa a discriminación de xénero, ao priorizar aos coidadores/as non formais (sen formación específica), sobre os coidadores/as formais (con formación adecuada)”, explica o Foro Social da Mariña, que engade: “trátase de potenciar un sistema de beneficencia low cost dirixida aos sectores sociais con escasos recursos económicos, de facilitar a transferencia das rendas das familias das chamadas clases medias cara as empresas privadas da dependencia e da transferencia de recursos económicos desde o sector público ao privado. Para a maioría da poboación, acceder a unha praza pública dos servizos de dependencia é difícil e, sobre todo, moi caro nos casos dos servizos de atención no fogar, centros de día e, nomeadamente, residencias”.