O Concello de Xove programa charlas para mellorar as dinámicas familiares. Serán os días 11 e 25 de marzo e 8 de abril

O Concello de Xove, a través da Concellería de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade, programa unha serie de charlas formativas dentro da programación do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para familias e docentes. O 11 de marzo terá lugar a primeira delas: Comunicación consciente e corresponsable; a segunda será o 25 de marzo, sobre Organización, estudos e responsabilidade compartida; e a terceira terá lugar o 8 de abril e tratará sobre o Uso das tecnoloxías e límites conscientes.

“As charlas obradoiro están destinadas a familias e a docentes, e ao longo destas tres sesións, impartidas por dona Luz Campo, docente e coach da empresa Uniser Coaching, ofreceranse ferramentas prácticas para mellorar as dinámicas familiares e educativas, fomentando a corresponsabilidade, o diálogo e o traballo en equipo. Tratarase de crear un espazo para compartir experiencias, expoñer e resolver dúbidas acerca da crianza dos fillos/as, e medrar xuntos/as”, explica o Concello de Xove.

Estes obradoiros están cofinanciados  pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade, e poderán seguirse de forma presencial na Aula de Formación do Concello de Xove e en liña a través da plataforma Zoom.

Todas as persoas interesadas en participar poderán atopar a folla de inscrición na web do Concello de Xove.