A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro celebra o Dia do Pai co sorteo de premios do 12 ao 18 de marzo

A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro (CCHV) pon en marcha unha nova campaña de dinamización comercial con motivo do Día do Pai, baixo o lema A semana de papá, “unha iniciativa pensada para premiar a fidelidade da clientela e incentivar as compras no comercio local. A campaña desenvolverase do xoves 12 ao mércores 18 de marzo e consistirá no sorteo dun premio sorpresa cada día entre as persoas usuarias da App ViveiroCCH. Cada premio diario está valorado en 200 euros, polo que serán un total de 1.200 euros en premios”.

O CCHV explica que “durante toda a semana, quen realice compras nos establecementos asociados poderá participar no sorteo a través da aplicación, optando así a gañar un premio diario que se dará a coñecer cada xornada. Con esta acción, o Centro Comercial Histórico busca dinamizar a actividade comercial nos días previos á celebración do Día do Pai e animar á cidadanía a apostar polo comercio de proximidade.

Desde a asociación destacan que “esta campaña pretende converter a semana previa ao Día do Pai nun momento especial para mercar no comercio local, premiando ademais a fidelidade das persoas clientes cun formato de sorteos dinámico e atractivo”.

A semana de papá forma parte das accións que o Centro Comercial Histórico de Viveiro organiza ao longo do ano para “promover o comercio de proximidade, dinamizar o centro urbano e reforzar o vínculo entre os establecementos e a clientela, sempre contando ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos. Para participar, as persoas interesadas só terán que utilizar a App ViveiroCCH e seguir as indicacións para entrar nos sorteos diarios durante os días da campaña. Non hai importe mínimo para poder participar e o sorteo será cada día cos tickets do propio día. Gravarase o sistema de sorteo para difundilo posteriormente en redes sociais e tamén avisaremos directamente ós gañadores para que poidan recoller os premios”.

 As bases da campaña e toda a información pódese consultar na web www.viveirocentro.com e nos seus perfís de Facebook, X e Instagram.