Acisa Ribadeo sorteará dúas visitas guiadas a Bodegas Docampo, en Ribadavia, e dous almorzos para dúas persoas en Mareta na campaña do Día do Pai, que se desenvolverá do 12 ao 25 de marzo

Agasalla a Papa con Acisa é a campaña que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo desenvolverá do 12 ao 25 de marzo. Acisa sorteará catro premios: dúas visitas guiadas a Bodegas Docampo en Ribadavia para dúas persoas con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo, e dous almorzos no gastrobar ribadense Mareta.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo: “presentamos unha nova edición da campaña do dia do pai na que imos sortear dúas visitas guiadas a Bodegas Docampo, en Ribadavia, para dúas persoas con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo, e dous almorzos en Mareta, en Ribadeo. Queremos que as persoas afortunadas celebren dun xeito especial o día do pai, que tamén é o día dos Pepes e das Pepitas”. Cruzado Iglesias subliñou que “para agasallar nesta data xa saben que poden atopar todo o que precisan nos negocios de Ribadeo, que agardan contar coa súa fidelidade unha vez máis. Para sorprender aos papás, aos Pepes e ás Pepitas na nosa vila atoparán de todo, xunto a un trato personalizado e próximo e tamén asesoramento. E na hostalería local poderán celebralo como se merece”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a campaña desenvolverase do 12 ao 25 de marzo no comercio asociado a Acisa Ribadeo. As persoas que durante este período de tempo realicen as súas compras poderán cubrir as papeletas para entrar no sorteo do dia do pai. Vanse repartir 10.000 papeletas nesta campaña, 1.000 máis que o ano pasado. O sorteo será non presencial e terá lugar o día 26 deste mes nas instalacións de Acisa, entre todas as rifas cubertas polos clientes que mercaran no comercio asociado nestes días e os gañadores serán informados por teléfono do premio que lles correspondeu”. Pérez Prada anima “á nosa veciñanza a celebrar este importante dia. A nosa hostalería conta cunha ampla oferta e con pratos moi orixinais e saborosos para disfrutar destas datas en familia”.

A presidenta de Acisa agradeceu apoio das empresas colaboradoras: “Grazas a Bodegas Docampo e a Mareta, que nos doan estes importantes premios para a campaña do día do pai de Acisa, que se poderán desfrutar segundo as condicións marcadas por cada establecemento”.

A campaña do Día do Pai, organizada por Acisa coa colaboración da Xunta de Galicia, foi presentada nas instalacións da asociación ribadense pola presidenta, Carmen Cruzado, e polo xerente, Jesús Pérez.