A novena edición dos Cantos de Taberna que organiza o Concello de Ribadeo será o 9 de maio

A novena edición dos Cantos de Taberna que organiza o Concello de Ribadeo coa colaboración da Xunta de Galicia terá lugar o día 9 de maio, sábado.

A concelleira ribadense de Turismo, Marta Saiz, anunciou que “xa está en marcha a novena edición dos Cantos de Taberna, unha nova edición dunha actividade que segue mantendo ao longo dos anos moi boa acollida por parte do sector, polos grupos e polo público en xeral”. A edil ribadense contou que se trata “dun evento que nace para impulsar Ribadeo como destino de visita e animar ao consumo en tempada media baixa. Ribadeo sempre tivo moita cultura de cantar polos bares e aproveitando esa sinerxia seguimos a promover esta actividade”. Saiz subliñou que “este ano os Cantos de Taberna serán o 9 de maio a partir das oito da tarde. A inscrición estará aberta ata 30 de abril a través do correo electrónico cantosdetaberna@ribadeo.gal”.

A concelleira de Comercio e Turismo en Ribadeo engadiu: “animamos ao sector hostaleiro a participar, a grupos, veciños e visitantes a saír gozar dun serán diferente”.