
Este xoves, día 19 de marzo, ás 12:00 horas no Pazo Santo Tomé, de Mondoñedo, presentarase publicamente a Asociación Mauro Leivas, que “busca catalogar a obra dun creador único e activar os valores sociais, ecoloxistas e de diversidade que sempre defendeu”, anuncian os creadores deste novo colectivo, que explican tamén que será “un acto aberto á cidadanía que servirá para render homenaxe a un dos creadores máis singulares e comprometidos da plástica galega contemporánea. A iniciativa está impulsada por un grupo de familiares e amizades co dobre obxectivo de preservar a memoria artística do creador mindoniense e de manter vivo o seu compromiso social e cultural”.
Durante o evento presentarase o propósito da asociación e as liñas de traballo tanto para a catalogación da súa obra como para a difusión dos valores que sempre defendeu, engaden desde a Asociación Mauro Leivas, que ademais destaca que é “unha iniciativa dirixida a por en valor a obra dun dos grandes creadores galegos finais do século XX y principio do século XXI”.


