
O campo de Lavandeiras, en Celeiro (Viveiro), será escenario o sábado 18 de abril a partir das 12.00 horas do primeiro Campionato Galego feminino M17 de rugby. Ademais da disputa do campionato tamén se xogarán partidos de rugby feminino de categorías inferiores. “O obxectivo é facer da cita unha festa do rugby feminino en Galicia e dar visibilidade ao crecemento desta modalidade deportiva”, anuncia o Concello de Viveiro, que engade: “no mesmo acto de presentación do Campionato Galego M17 feminino, tamén se deu a coñecer o novo uniforme do Astérix, que mantén as súas cores tradicionais, o vermello e o negro, e incorpora como novidade unha segunda indumentaria branca e azul inspirada na ría de Viveiro”.
O Astérix agradeceu o apoio das firmas e institucións que colaboran no novo uniforme. Entre elas figuran A Chabola, que mantén o seu logotipo no pantalón; Nobe Enerxía, como patrocinador principal; e Conservera, Gráficas Lar e Montajes Bidueiros, presentes nas mangas da camiseta. Tamén colaboran o Concello de Viveiro, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Outra das novidades destacadas desta indumentaria é a incorporación, por primeira vez, do escudo da Unión do Norte Rugby, coa que o Astérix disputa as competicións xunto aos compañeiros do Muralla de Lugo, Fendetestas das Pontes e Capóns de Vilalba.


