
Acisa Ribadeo e o Grupo Isonor veñen de asinar un convenio de colaboración con condicións vantaxosas para as empresas asociadas ao colectivo empresarial.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou: “estamos moi contentos de asinar este convenio co Grupo Isonor, experto en cumprimento normativo e dixitalización. Conta con servizos destacados como a prevención de riscos laborais, a formación, a protección de datos e a seguridade da información, sistemas de xestión de calidade, medio ambiente, seguridade e saúde no traballo, seguridade alimentaria, solucións informáticas, markéting, estudos de mercado e plans de empresa, recursos humanos, servizos xurídicos, así como a tramitación e xestión de subvencións”.
E subliñou: “este novo convenio súmase ao amplo abano dos subscritos por Acisa con outras empresas con condicións vantaxosas para as nosas asociadas e asociados, que deste xeito poden mellorar tanto internamente como desde o punto de vista dos servizos que ofrecen á súa clientela”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “este convenio facilita aos nosos asociados servizos moi relevantes para os seus negocios. O Grupo Isonor comprométese a preparar e enviar orzamentos e ofertas das súas marcas asociadas para os membros de Acisa, así como a visitar a todos os integrantes do colectivo co fin de presentarlles os seus servizos, así como a realizar un estudo de cumprimento normativo sen custo para cada asociado, algo moi importante hoxe en día dada a carga normativa que as empresas e autónomos teñen que soportar. Ademais aplicarán un desconto do 10 % na contratación de servizos aos socios de Acisa Ribadeo”.
E engadiu: “este novo servizo de Acisa é fundamental, debido ás esixencias legais e ás inspeccións, que cada vez son maiores, e os negocios deben estar ao día en todos estes aspectos. Acisa ofrece así unha solución integral na que a través dunha soa empresa, neste caso o Grupo Isonor, poden estar completamente cuberto en todas as áreas”.
No acto celebrado nas instalacións de Acisa Ribadeo esta mañá participaron a súa presidenta, Carmen Cruzado, o xerente, Jesús Pérez, así como Francisco Javier Romay, director Comercial Desarrollo Territorial do Grupo Isonor, e Carlota Guisasola, do Departamento Técnico e Consultoría Comercial.


