
Concello de Ribadeo e Acisa poñen en marcha unha nova edición da campaña Domingueo en Ribadeo co obxectivo de promocionar as compras no comercio local os domingos pola mañá e o consumo na hostalería local. Os concertos do Domingueo en Ribadeo serán os días 19 e 26 de abril, 3 e 31 de maio e 7 e 14 de xuño. Este vindeiro domingo, día 19, na praciña de San Roque terá lugar a actuación de Untopic a partir das 13:00 horas.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, manifestou que “esta fin de semana poñemos en marcha unha nova edición do Domingueo en Ribadeo, campaña que organizamos conxuntamente entre o Concello e Acisa para facer das mañás de domingo unha cita ineludible para vir pasear, mercar ou tomar o vermú a Ribadeo. E o que pretendemos é darlle a esas mañás un toque musical para que aínda sexa máis apetecible vir á nosa vila”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “o Domingueo en Ribadeo, que naceu hai anos, é xa todo un clásico da primavera ribadense. Esta nova edición volta xa esta fin de semana con este formato que estreamos hai dous anos e que tivo unha boa acollida por parte de ribadenses e visitantes. Agardamos que repita éxitos”.
Concello e Acisa animan “a gozar do Domingueo en Ribadeo, que encherá de boa música moitos recunchos da nosa vila”.


