
A programación para a celebración de O Maio e a Festa Campesiña en Lourenzá, que será este venres 1 de maio no Campo dos Bolos, inclúe xogos infantís, actuacións musicais, xantar popular e unha representación teatral.
As actividades comezarán ás 11:00 horas coa elaboración dos maios no recinto feiral de Vilanova; ás 12:00 haberá xogos infantís organizados pola ANPA do colexio Juan Rey; ás 13:00 horas actuará a Banda ACM Dambara, de Burela, dentro do programa TRADIGALU; e ás 14:00 empezará o xantar popular que organiza a asociación Conde Santo.
Despois da comida, ás 16:30 horas, farase a Saída do Maio desde o recinto feiral para percorrer rúas da vila e rematar no Campo dos Bolos. Estará acompañado pola música da AC Osorio Gutiérrez. Para as 19:00 está programada a entrega de premios aos mellores escaparate, balcón, sombreiro, caracterización adulto e infantil. Ás 19:30 Trípode representará a obra teatral titulada Desequilibrados. E rematarán as actividades cunha actuación do grupo de música tradicional galega Tumba e Dálle, prevista para as 21:00 horas.
Neste evento colaboran tamén as asociacións Vespa&Faba e Cabaleiros de Lourenzá.


