
O Moto Clube Valadouro prepara unha nova edición da súa concentración moteira, que se celebra desde mañá ata o domingo 3 de maio coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Está previsto que participen uns 600 moteiros e moteiras
O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, participou na presentación do programa, que “mestura actividades específicas como exhibicións acrobáticas e rutas libres e turísticas pola contorna cunha ampla axenda lúdica para público de todas as idades que encherá de actividade Ferreira durante as catro xornadas”, explica a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que engade: “a concentración, que cumpre 29 edicións, é a actividade máis importante das que organiza o club, que conta con 31 anos de traxectoria nos que pasou de 20 a case 200 persoas socias, do Valadouro e Alfoz e do resto da comarca”.
Daniel García destacou que “o dinamismo do club local conseguiu consolidar un evento de referencia para as afeccionadas e afeccionados ás motos, apostando unha programación lúdica que permite que toda a veciñanza participe da actividade e que as persoas que veñen a concentración queden no Valadouro durante a fin de semana, coñecendo o concello e o interior da Mariña”.
A Vicepresidencia da Deputación colabora coa programación musical, coa actuación da banda Dr. Slump.


