
O deputado provincial Daniel García inaugurou este martes no Cenima de Foz a exposición Tecendo redes: Migración, Arte e Lugo, impulsado pola Rede Museística Provincial e a Asociación Rioplatenses de Lugo no marco do proxecto Museo da Migración. A mostra reúne nove propostas plásticas de artistas de diferentes países, disciplinas e contextos culturais que reflicten experiencias vitais vinculadas á migración ou á diversidade cultural. Pedro Cantero, Alisa Smirnova, Cris Bamio, Hanoi Vidal, Evelin Ruiz, Soila Jankowska e Juan Pablo Mastroianni son as e os artistas detrás desta exposición colectiva que poderá verse ata o 27 e xuño nas salas do Cenima.
Daniel García sinalou “A Mariña como o marco idóneo para acoller esta mostra que busca crear espazos de participación, convivencia e diálogo arredor das experiencias migratorias. Temos unha longa tradición de convivencia e diversidade cultural que se afianza con proxectos coma este, que nos achegan narrativas diversas sobre a migración e que buscan o intercambio e a aprendizaxe conxunta”.
A mostra, comisariada por, Ana María Bereciartúa Gasperini, Leonardo Ezequiel Casado, Encarna Lago González e Daniel Manuel Vázquez Vila, incorpora tamén pezas realizadas por persoas usuarias do Taller da Ulloa arredor da temática migratoria e do proxecto de recuperación da memoria da migración Historias de vida das mulleres de Lugo cara a Barcelona.
O acto de inauguración contou cunha performance poético-literaria de Simón Rodríguez O Galego de Caracas e unha actuación musical de Henry Vidal, que acompañou a visita do público pola exposición. A Rede Museística desenvolverá nas vindeiras semanas obradoiros e actividades para dar a coñecer o conxunto das propostas artísticas e dinamizar a mostra.


