
A historia de Ribadeo volverá camiñar polas súas rúas este domingo, 17 de maio, da man de Guía tu día, o proxecto de visitas guiadas impulsado por Ana Pena, especializada en experiencias culturais na Mariña.
Baixo o título “Ribadeo indiano e comerciante”, a proposta invita a veciños e visitantes a mergullarse no pasado da vila a través dun percorrido centrado na pegada dos indianos e dos comerciantes que transformaron Ribadeo coas súas historias de emigración, os negocios de ultramar e unha arquitectura que aínda hoxe fala da conexión entre América e a Mariña.
Durante aproximadamente dúas horas, as persoas asistentes descubrirán casas con memoria, personaxes singulares e relatos de ida e volta entre Ribadeo e América, nun paseo pensado para gozar do patrimonio dunha forma próxima, dinámica e divulgativa.
A actividade busca tamén poñer en valor a identidade histórica dunha das vilas con máis personalidade da costa galega, ofrecendo unha mirada diferente sobre espazos polos que moitas veces pasamos sen reparar no que agochan.
A saída será ás 11:00 horas desde a Praza de España. A ruta ten dificultade baixa, é pet friendly e o prezo é de 12 euros por persoa. As reservas poden realizarse no teléfono 654 99 68 57.
Ana Pena explica que “con iniciativas coma esta, Guía tu día continúa apostando por un turismo cultural sostible, humano e conectado co territorio, creando experiencias que combinan historia, curiosidades e emoción para descubrir a Mariña Lucense dunha maneira distinta”.


