
A tapa de Kalpa Amodiño é a gañadora do xurado profesional do Ribadeo Sabe. O renovado concurso gastronómico desenvolverase desde mañá, xoves, ata o domingo, 17 de maio, en 22 locais hostaleiros. Foron un total de 12 as propostas elaboradas e presentadas esta tarde diante do xurado na Praza de Abastos de Ribadeo.
O xurado profesional de renome do Ribadeo Sabe estivo composto por Rafa Centeno, chef de Vértigo, de Sober (única estrela Michelin da provincia de Lugo); Juan Rubiños, presidente da Asociación de Cociñeiros Lugo e chef executivo de Il Farabutto, de Lugo; Alberto Veiga, sumiller de restaurante Nito, de Viveiro, e barista en Coffee Urban Roasters, tamén en Viveiro; e Daniel Gutiérrez, influencer gastronómico lucense @oidocomida. O xurado destacou a calidade das tapas presentadas esta tarde e recoñeceron tamén as elaboracións de La Solana, Marinero e Ramonita.
Kalpa Amodiño, como local gañador do xurado profesional, recibirá como premio un curso no Basque Culinary Center con estancia en San Sebastián e diploma acreditativo.
O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio. O público tamén elixirá ao seu gañador que levará como premio unha visita máis cata en Bodega Regina Viarum, comida para dúas persoas no restaurante Vértigo (1 estrela Michelin) e diploma acreditativo.
E haberá premios para o público que participe nas votacións do Ribadeo Sabe. Serán tres categorías dotadas con 200, 150 e 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo e visita guiada cada unha a Bodegas Docampo, en Ribadavia, con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo.
A organización do Ribadeo Sabe, Concello e Acisa, animan “a saborear desde o xoves ata o domingo as exquisitas tapas que poderán atopar nos locais participantes”.


