
A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo, a través do CIM, pon en marcha por segundo ano consecutivo o Concurso de Arte Mural pola Diversidade, unha iniciativa que “busca promover os valores da diversidade, igualdade e visibilidade do colectivo LGTBIQ+ a través da creación artística urbana”.
A concelleira Begoña Sanjurjo explica que “o certame está aberto á participación individual ou grupal de persoas naturais ou residentes en Ribadeo, sen límite de idade, co obxectivo tamén de apoiar e dar visibilidade a novos e novas creadoras ribadenses como forma de expresión cultural e artística. As propostas deberán estar inspiradas en Ribadeo e nos valores da diversidade e do orgullo LGTBIQ+, empregando técnicas propias da arte mural como grafiti, pintura mural, stencil ou similares”.
A edil de Igualdade engade: “entre todos os proxectos presentados, o xurado seleccionará unha proposta gañadora que será executada nun espazo visible e emblemático da vila: a parede do ascensor panorámico do paseo marítimo de Ribadeo”.
Desde o CIM subliñan que “o premio para o gañador está dotado con 750 euros, así como a difusión da obra e do proceso creativo en medios de comunicación e nas redes sociais municipais. O prazo de presentación das obras estará aberto do 25 de maio ao 12 de xuño ás 14:00 horas”.


