
A Xunta de Galicia abriu este mércores, 27 de maio, o prazo para que os cidadáns interesados soliciten os Bonos Activa Comercio, que poderán empregar en máis de 750 establecementos da provincia de Lugo inscritos polo momento na campaña. Ata o esgotamento do crédito poden seguir sumándose novos negocios.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou catro tendas lucenses adheridas ao programa, impulsado polo Goberno galego para incentivar as compras nos establecementos de proximidade. As firmas que visitou foron Landra Shop, Mariña, Cepecé e a xoiaría Lamela.
Arias salientou “a boa acollida que está a ter de novo a medida, tanto pola cidadanía como polo sector. De feito, adiantou que nas primeiras tres horas dende que abriu o prazo para descargar os bonos – entre as nove da mañá e as doce, aproximadamente – xa se mobilizaran preto de 90.000 euros na provincia de Lugo”.
Cada usuario pode descargar un único bono en formato dixital QR a través da web www.bonosactivacomercio.gal. O importe total dos descontos será 30 euros, que se irán consumindo en función do valor das compras.
Como principal novidade, nesta ocasión sortearanse a través das redes sociais da Xunta catro premios adicionais de 250 euros para gastar nunha ou varias tendas colaboradoras da campaña.
Javier Arias destacou “o éxito desta medida iniciada no ano 2021 para axudar a fortalecer o comercio de proximidade, un sector económico estratéxico a nivel local. A actual edición está dotada con 2,5 millóns de euros, coa previsión de mobilizar 8,5 M€ en vendas”.
Ademais a Xunta anuncia que “ao longo do ano 2026 haberá unha segunda convocatoria dotada co mesmo orzamento, pero os comercios que xa se inscribiran este ano non terán que volver a facelo, para avanzar así na simplificación administrativa. En canto aos importes dos bonos, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 corresponderalles un desconto do 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. Non hai límite de usuarios, pero unha vez esgotado o crédito os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo aínda que non se teñan consumido na súa totalidade. Ademais, co fin de incrementar as vendas, establécese a incompatibilidade dos bonos Activa Comercio con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra”.


