
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense xunto a SEGITTUR presentaron hoxe en Barreiros o Plan de Impulso para a Creación e Consolidación de Experiencias Agroturísticas. Este proxecto desenvólvese ao abeiro do programa MISEA, impulsado pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR, e ten como obxectivo mellorar a competitividade dos destinos turísticos mediante a innovación e a sostibilidade. Así, apoia especialmente aos destinos rurais, promovendo experiencias agroturísticas que diversifiquen a oferta turística, atraian novos visitantes e contribúan á desestacionalización. Ademais, este tipo de iniciativas xeran novas oportunidades de negocio, emprego e ingresos complementarios para as explotacións agropecuarias, favorecendo tamén a colaboración entre o sector turístico e o sector primario.
A Mariña foi o único destino galego seleccionado para formar parte deste proxecto no eido nacional, xunto coa Deputación de Cáceres (Cáceres), Fuerteventura, Deltebre (Tarragona) e Valencia, todos eles integrantes da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes. No caso da Mariña, o proxecto desenvolveuse mediante sesións de traballo con axentes locais, obradoiros formativos e procesos de mentoría para as empresas do sector primario, co obxectivo de crear e mellorar experiencias agroturísticas innovadoras. Toda a información recollida serviu para elaborar o plan presentado hoxe, que contribuirá a consolidar este modelo turístico no territorio, contribuíndo de maneira indirecta a afrontar retos do medio rural como a perda de poboación, a falta de oportunidades laborais e as dificultades para o emprendemento, especialmente entre mulleres e mocidade.
O acto de presentación de hoxe contou coa participación da presidenta da Mancomunidade, Rocío López; a alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida; a directora de proxecto en SEGITTUR, Olga Pérez; e o consultor turístico de GLOBALDIT, Kevin Salvador.
Na súa intervención, a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López, quixo agradecer a SEGITTUR e á Secretaría de Estado de Turismo ter confiado na Mariña para formar parte deste proxecto, o que describiu como “unha satisfacción e tamén unha responsabilidade, que se apreciase no territorio mariñán o potencial necesario para participar nunha iniciativa estratéxica para definir o futuro do turismo sostible e innovador no ámbito rural”. Un agradecemento que dirixiu especialmente, ademais de a SEGITTUR e á Secretaria de Estado de Turismo, aos axentes do territorio que acompañaron á Mancomunidade durante as sesións de traballo do grupo de contraste, así como aos produtores e empresas que participaron no proceso.
López manifestou a súa satisfacción polo plan presentado que describiu como “unha oportunidade para seguir construíndo un modelo turístico máis sostible, máis auténtico e máis ligado á nosa identidade como territorio”.
Nesta liña, Rocío López lembrou que a Mancomunidade leva anos traballando para posicionarse como un destino turístico de referencia coa idea moi clara de que “competir non significa parecerse aos demais, senón poñer en valor aquilo que nos fai únicos. E nós temos moito que ofrecer: mar, montaña, patrimonio, cultura, gastronomía e, sobre todo, persoas”.
A conciencia de que é necesario seguir traballando para avanzar no obxectivo dun turismo sostible é, en palabras de Rocío López, o que fai necesario un proxecto como o MISEA, porque permite mirar cara ao sector primario non só como parte da economía, senón como parte da experiencia turística que se quere ofrecer. Para López este plan busca axudar a produtores e produtoras a transformar o seu valor en experiencias auténticas para os visitantes: “experiencias que conecten ás persoas co territorio e que ao mesmo tempo xeren novas oportunidades económicas e sociais no territorio, e especialmente no rural da Mariña”.
A presidenta quixo rematar a súa intervención lembrando a importancia da colaboración interinstitucional para facer posible proxectos como o presentado hoxe, “porque se algo aprendemos nestes anos é que os proxectos só funcionan cando hai cooperación, coordinación e unha visión compartida de futuro”.
Experiencias agroturísticas
O Plan de Impulso para a Creación e Consolidación de Experiencias Agroturísticas no marco do proxecto MISEA busca aproveitar o potencial do sector primario da Mariña para crear experiencias turísticas auténticas vinculadas á agricultura, á gandaría, á pesca e á gastronomía local. O seu obxectivo é diversificar a oferta turística, atraer novos visitantes durante todo o ano, xerar oportunidades económicas complementarias para os produtores e contribuír á loita contra a despoboación e a falta de oportunidades no medio rural.
A estratexia parte das fortalezas do territorio, como a combinación de litoral e interior rural, a riqueza paisaxística e patrimonial, a tradición pesqueira e agrogandeira e unha gastronomía de gran prestixio baseada en produtos locais de calidade. Así, búscase achegar o sector primario da Mariña Lucense á actividade turística, fomentando que produtores e explotacións agroandeiras e pesqueiras non só actúen como provedores, senón tamén como creadores de experiencias turísticas dirixidas ás persoas visitantes. Trátase de impulsar a creación e comercialización de experiencias agroturísticas auténticas que contribúan a mellorar a competitividade do destino e a reforzar o atractivo turístico do territorio.
O plan propón a profesionalización dos produtores como promotores de experiencias turísticas e para facelo tratarase de dar maior visibilidade á oferta agroturística, profesionalizar os produtores como promotores turísticos e acompañalos na mellora das súas instalacións e servizos. Ademais, pretende xerar novas oportunidades de emprendemento e emprego no medio rural, favorecer a inclusión do sector primario na xestión turística do destino desde unha perspectiva participativa e avanzar na dixitalización e promoción destas experiencias a través das canles turísticas habituais.
Nesta liña, a colaboración entre administracións é fundamental para que o proxecto poida avanzar, e desde a Mancomunidade agárdase contar coa colaboración das entidades e grupos de acción local que impulsan o desenvolvemento sostible, a economía azul, a dinamización rural e a promoción da gastronomía e dos produtos locais como elementos clave da identidade e competitividade do territorio, como son o GDR Terras de Miranda e o GALP A Mariña – Ortegal, así coma o Colectivo de Gastronomía da Mariña, e outras administracións superiores coma a Deputación de Lugo ou a Xunta de Galicia
Primeiros pasos: formación e colaboración
En liña coa proposta presentada hoxe está a avanzarse para dar resposta ás necesidades dos promotores destas experiencias. A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, lembrou que está aberto o prazo de inscrición no curso Emprender no sector turístico na Mariña Lucense, que organiza a Mancomunidade en colaboración coa Universidade da Coruña do 6 ao 9 de xullo en Barreiros, e que ten como obxectivo ampliar os coñecementos no ámbito turístico, resolver dúbidas e axudar a materializar as ideas recollidas nos plans e proxectos das novas propostas de experiencias agroturísticas.
Por outra banda, tamén salientou que segue aberta, ata o vindeiro 12 de xuño, a convocatoria para a adhesión de novos servizos turísticos ao SICTED da Mariña. Este ano, con motivo do proxecto MISEA, ampliouse o acceso a novos servizos, convidando ás experiencias agroturísticas a sumarse a esta iniciativa, coa que busca unir esforzos entre os distintos axentes e empresas do sector turístico da Mariña para avanzar conxuntamente na calidade, nun turismo responsable e na mellora continua do destino.
Ao acto asistiron o deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Fran Cajoto, Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, así como representantes de Concellos, servizos turísticos e produtores da zona.


