A EMMeD de Ribadeo leva a música ás parroquias cunha actuación en Ove o luns 22 de xuño

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo continúa a desenvolver o seu programa Musiqueando polas parroquias, unha iniciativa que busca descentralizar a oferta cultural do municipio e achegar o traballo do alumnado a todos os veciños e veciñas. A vindeira cita terá lugar en Ove o luns 22 de xuño ás 19:00 horas. O escenario elixido será a antiga escola, onde se ofrecerá unha pequena mostra do esforzo realizado por unha parte do alumnado do centro ao longo do presente curso académico.

Segundo explica o responsable da EMMeD, Hugo García, “esta actividade responde a un dos piares fundamentais da institución: un dos nosos obxectivos prioritarios é consolidarnos como un motor sociocultural para todo o concello de Ribadeo, e non só para o seu núcleo urbano”.

García sinala que esta programación itinerante está pensada especificamente “para que as persoas que non residen no casco ribadense, e ás que lles pode resultar máis complicado asistir ás actividades que a EMMeD organiza habitualmente, poidan coñecer de preto o proxecto educativo e artístico da escola”.

Con esta actuación, a EMMeD de Ribadeo “reafirma o seu compromiso coa dinamización das parroquias rurais, ofrecendo espazos de encontro veciñal a través da música e poñendo en valor a aprendizaxe dos seus estudantes fóra das aulas convencionais”.