Na XI edición do Ribadeo Indiano haberá musica que recrea o ambiente das sociedades da emigración galega en Cuba, Arxentina e México

O Concello de Ribadeo anuncia que “a maxia do regreso, o aroma do tabaco e o liño branco volven inundar as rúas de Ribadeo nunha nova edición do seu xa emblemático Ribadeo Indiano. Un dos piares fundamentais desta viaxe ao pasado é, sen dúbida, a súa banda sonora: unha coidada selección musical que recrea o ambiente das sociedades da emigración galega en Cuba, Arxentina ou México”.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anunciou que “a festa arrincará oficialmente o 10 de xullo. Como xa é tradición, o Coro Sagrado Corazón porá a nota emocional unindo as dúas beiras do Atlántico. Tras o tradicional desembarco teatralizado no peirao de Porcillán, a música será a encargada de recibir aos indianos. A noite tinguirase de nostalxia e elegancia cos concertos de formacións como Gallaecia Small Band. O broche de ouro da primeira xornada chegará coa verbena ao ritmo do Septeto To´mezclao, garantindo que o baile non pare ata a madrugada”.

A edil ribadense engadiu que “o 11 de xullo será o día de maior ebulición. Pola mañá a chegada dos coches clásicos "Haigas" estará escoltada polos alegres sons dos mariachis Real de Jalisco. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu habitual concerto de gala en San Roque, mentres que grupos como Amizades encherán cada recuncho da vila con músicas de ultramar. Pola tarde o protagonismo recaerá nas voces corais. O Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo celebrará unha nova edición, contando coa participación da Coral Polifónica de Ribadeo, a Coral Polifónica San Roque, de Vigo, e a Coral IES María Guerrero, de Collado-Villalba (Madrid). A noite pecharase cunha verbena tradicional que fusionará a raíz galega de grupos como Mediarea co sabor cubano de El Mura y su timbre latino”.

Sanjurjo explicou que “o 12 de xullo o Ribadeo Indiano despedirase por todo o alto. Tras a alborada co grupo Follas Novas e a sesión vermú coa Banda Filharmónica de Lugo, Trío Mojito Cubano e Los Jimaguas, o momento máis agardado será o concerto de clausura. Seguindo o ronsel de grandes figuras que pasaron polo festival, este ano a vila vibrará coa enerxía de Estrellas de Buena Vista y Más, a mítica formación cubana que porá o punto final perfecto a tres días de irmandade cultural”.

“O Ribadeo Indiano non é só unha festa estética, é unha experiencia sensorial onde a música serve de ponte entre o recordo de quen marchou e a ledicia de quen regresou para transformar esta vila nun paraíso atlántico”, remata o Concello ribadense.

Organizan o Ribadeo Indiano o Concello de Ribadeo e Acisa coa colaboración da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.