
Esta semana está tendo lugar na Escola Municipal de Música de Burela un curso de iniciación ao jazz que se está a desenvolver ata este venres, 3 de xullo, en horario de tarde. Trátase dun curso gratuíto aberto á cidadanía, centrado na aprendizaxe, a improvisación e o traballo en grupo. A actividade concluirá cun concerto final para celebrar o remate do curso este venres, día 3 de xullo, ás 20:30 horas, na praza do Concello de Burela.
O tenente de alcaldesa de Burela e responsable da Escola de Música, Mario Pillado, destacou a importancia de promover actividades que acheguen a música á veciñanza e explicou que este curso “é unha oportunidade para que persoas con interese polo jazz poidan achegarse a este estilo musical nun ambiente de aprendizaxe e colaboración”. Tamén animou á veciñanza a acudir ao concerto final, que “permitirá compartir co público o traballo realizado ao longo da semana e contribuír á dinamización cultural de Burela”.


