Antía Gayoso foi a gañadora da viaxe a México en setembro sorteada por Acisa no marco do XI Ribadeo Indiano

Antía Gayoso Gayol foi a gañadora da viaxe a México sorteada por Acisa no marco do XI Ribadeo Indiano. Esta ribadense gozará do seu premio o vindeiro mes de setembro.

O sorteo, ante notario, tivo lugar ao remate do concerto ofrecido por Estrellas de Buena Vista y Más no escenario instalado na rúa San Roque.

Ao sorteo asistiron e participaron na entrega do premio o director xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, así como concelleiras e concelleiros ribadenses (Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Montse Seijo, Elena Sierra e Diego Dos Santos), a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e Manoli Torviso, Trinidad Otero e José Ramón Leal, directiv@s de Acisa, e Jorge Fernández, técnico da asociación ribadense.

Acisa agradece a colaboración das administracións públicas “xa que sen a súa axuda este sorteo non sería posible. Grazas á Dirección Xeral de Comercio da Xunta, á Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ao Concello de Ribadeo. E grazas tamén aos patrocinadores privados: Alhambra, Banco Sabadell, Caixa Rural, Vitaldent, Gestión Gratelu e Discosta Norte polo seu apoio ano tras ano con esta cita”. O colectivo empresarial ribadense agradece “o dispositivo de seguridade de Protección Civil e o traballo realizado polo persoal municipal mobilizado para a celebración deste evento”.

A pesares da tarde-noite de treboadas e auga que este pasado domingo viviu Ribadeo, o sorteo da viaxe a México celebrouse con normalidade e centos de persoas puideron depositar as súas papeletas na urna instalada ás portas das oficinas de Acisa.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos agradece e destaca a asistencia ao sorteo e a confianza depositada nos negocios asociados. Esta importante campaña desenvolveuse entre o 19 de xuño e a xornada deste pasado domingo.