As festas de Lago, en Xove, celébranse os días 17, 18 e 19 de xullo

O Concello de Xove anuncia que a celebración das festas patronais da parroquia de Lago na honra da Virxe do Carme e San Antón terán lugar os días 17, 18 e 19 de xullo de 2026 no Campo da Festa de Lago.

As festas darán comezo este venres, 17 de xullo, “cunha cita gastronómica moi agardada. A partir das 20.00 horas servirase un churrasco ao estilo Lago a prezos populares. A continuación celebrarase unha gran verbena amenizada pola Orquestra Salsarena e a Disco Móbil Conxuro. O sábado, 18 de xullo, a música continuará coa sesión vermú a cargo da Orquestra Galaxia. Pola noite, a verbena contará coa actuación da propia Orquestra Galaxia, que compartirá escenario coa Disco Móbil Conxuro, garantindo unha noite de festa e diversión. O domingo, 19 de xullo, último día das festas, celebrarase a misa solemne e procesión na honra da Virxe do Carme e San Antón, ás 13.30 horas. De seguido terá lugar unha sesión vermú prolongada, amenizada polo Dúo D'Aché, poñendo o broche final a tres intensas xornadas festivas”.

A organización destas celebracións corre a cargo da Asociación de Festexos A Granda, contando coa colaboración do Concello de Xove, da veciñanza e dos comerciantes colaboradores, “cuxo apoio resulta fundamental para facer posible un programa pensado para o desfrute de persoas de todas as idades polo que a comisión lles agradece a implicación e apoio que fan posible que estas festas continúen sendo unha cita destacada do calendario festivo do municipio”.

Desde a comisión organizadora quérese convidar a toda a veciñanza de Xove, así como ás persoas visitantes, a achegarse ao Campo da Festa de Lago “para compartir unhas festas patronais marcadas pola convivencia, o bo ambiente e a tradición”.