
O Concello de Burela anuncia que as pistas de tenis da Marosa acollerán un ano máis o torneo Memorial José Luis Yebra. Será desde este sábado, día 18 de xullo, ata o 2 de agosto. Na súa duodécima edición a competición “incluirá as modalidades de individual absoluto, con cadro de consolación para as persoas eliminadas no primeiro encontro; dobres absoluto; e individual xóvenes promesas, que contará con, cando menos, dúas categorías. O torneo entregará trofeos e vales de compra para primeira e segunda clasificadas en todas as categorías individuais, mentres que nas probas de dobres haberá trofeos para as parellas campioas e subcampioas. A gran final e o acto de clausura do torneo están previstos para o 2 de agosto”.
No marco desta edición farase entrega dun recordo conmemorativo do XII Aniversario do Memorial José Luis Yebra á súa familia.
O concelleiro de Deportes de Burela, Carlos Méndez Pena, destacou que este torneo “volve converterse nunha cita importante para o tenis no noso concello e mantén vivo o recordo de José Luis Yebra a través do deporte”.
Méndez Pena sinalou ademais que “o obxectivo é ofrecer unha competición aberta a diferentes perfís de xogadores e xogadoras, fomentando tanto a participación como o ambiente deportivo ao longo de dúas semanas de competición”.
Finalmente o concelleiro convidou “á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao tenis a achegarse ás pistas da Marosa para animar ás persoas participantes e vivir de preto este evento deportivo”.
As inscricións para persoas non socias terán un prezo de 10 euros na categoría de individual absoluto, 5 euros por xogador/a en dobres e 5 euros por xogador/a na categoría de xóvenes promesas. Para as persoas socias a inscrición será gratuíta.


