Cervo acolle do 14 ao 18 de xullo o II Campus de Verán de Natación Artística

O municipio de Cervo será o escenario esta semana do II Campus de Verán de Natación Artística, unha iniciativa organizada pola Federación Galega de Natación (FEGAN), coa colaboración do Concello, que terá como escenario a Piscina Municipal de Lieiro, do 14 ao 18 de xullo.

O campus, que foi presentado polo concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e polo presidente da Federación, Juan Carlos Brión, está dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2015, que estean federados e pertenzan á disciplina de Natación Artística. As sesións estarán coordinadas por Sandra Montes, directora técnica da FEGAN, e pola adestradora Candela Fidalgo.

O Concello de Cervo explica tamén que “durante cinco días os 32 participantes que ocuparán as prazas dispoñibles combinarán os adestramentos técnicos con actividades lúdicas, nun programa que inclúe pensión completa e que busca favorecer tanto o perfeccionamento deportivo como a convivencia entre os mozos e mozas”.

O concelleiro de Deportes amosou a súa satisfacción por que Cervo volva ser sede dunha actividade deportiva destas características: “é unha enorme satisfacción que a Federación Galega de Natación aposte de novo polo noso municipio para celebrar este campus, recibiremos nestes días a deportistas e as súas familias, o que supón unha importante dinamización para a nosa vila e unha oportunidade para dar a coñecer todo o que Cervo ten que ofrecer”.

David Rodríguez destacou tamén “o valor da colaboración entre administracións e entidades deportivas. Desde o Concello seguimos convencidos de que a cooperación é fundamental para facer realidade iniciativas coma esta, que enriquecen a nosa programación, fomentan o deporte base e contribúen a achegar disciplinas tan atractivas e esixentes como a natación artística á cidadanía e, especialmente, á mocidade".

Ademais o edil agradeceu á Federación Galega de Natación a confianza depositada no municipio unha vez máis e incidiu en que “seguiremos traballando para que Cervo continúe sendo un referente na organización de eventos deportivos de calidade, que xeran actividade, promoven hábitos saudables e proxectan a imaxe do noso concello máis aló das nosas fronteiras”.

O custo do campus será de 360 euros por deportista, incluíndo a pensión completa, os adestramentos e as actividades lúdicas.