
O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, achegouse ao recinto do Vendaval Fest, de Ribadeo, onde a Asociación Catro Caños traballa nos últimos preparativos para a cuarta edición do festival, que se celebra este venres e sábado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que anuncia: “Dakidarría, The Real Mckenzies, El Drogas, Hamlet, Benito Kamelas, Ruxe Ruxe, Hermana Furia, Ochobre, Las Moskas Retrompeteras, The Lizards e Demenzia Social completan o cartel do festival, con concertos a partir das 18.30 horas no recinto do festival. A música tamén chegará as rúas ribadenses, con actuacións gratuítas pola vila o sábado 25 ao mediodía da man das bandas tributo Lija&Terciopelo e La Green River Band”.
Daniel García valorou o traballo da organización, que “puxo Ribadeo no mapa de festivais que temos na comarca e no país, dándonos máis opcións para acceder á música en directo” e sinalou que “para a Vicepresidencia da Deputación é prioritario dar apoio a iniciativas que xurden do asociacionismo e teñen unha implicación clara coa rede creativa, cultural e económica local”.
A Asociación Catro Caños poñerá o peche ao festival cunha xornada musical e gastronómica o domingo 26 na Praza de España de Ribadeo a partir das 13:00 horas.


