A XLVI Mostra Folklórica Internacional de Viveiro ofrece actividades desde este mércores, 5 de agosto, ata o domingo 9

Do 5 ao 9 de agosto Viveiro acolle unha nova edición da XLVI Mostra Folklórica Internacional, un evento de música, danza, tradición e intercambio cultural. A Mostra, organizada pola Asociación Cultural Bágoas da Terra coa colaboración de entidades públicas e empresas privadas, reunirá agrupacións de Galicia, Asturias, Andalucía, Castela-A Mancha, Armenia, Filipinas, Perú e Guinea-Bisáu.

A programación comezará este mércores, 5 de agosto, coa mostra titulada Ruta Xacobea do Camiño do Mar entre Asturias e Galicia na sala de exposicións do Concello de Viveiro. Ao longo da xornada polas rúas e prazas da vila haberá audicións musicais dos corpos de música dos grupos participantes, que interpretarán temas tradicionais dos seus países. E ás 12:00 horas o grupo infantil Mazantini, de Ciudad Real actuará na Residencia Betania.

O xoves 6 ás 20:30 horas na Praza Maior terá lugar a Mostra Folklórica Infantil, coa participación dos grupos Xoaniña, de Saiñas de Xove; Mistura, de San Cibrao; ACR Os do 21, de O Vicedo; e os grupos infantís de Bágoas da Terra -Pindusa, Ledaíña e Abrente-, ademais do grupo convidado especial: Mazantini, de Ciudad Real.

O venres 7 ás 22:00 horas na Praza Maior haberá un concerto do grupo folk de Bágoas da Terra.

O sábado 8 de agosto o Desfile das Nacións percorrerá as rúas desde o Conservatorio Profesional de Música, seguido da recepción oficial das autoridades cos grupos participantes. Pola noite haberá o espectáculo Especial Andalucía, protagonizado polo Grupo de Coros y Danzas de Ronda (Asociación Folklórica Abul-Beka), que presentará unha mostra do folclore andaluz.

O festival rematará o domingo 9 de agosto coa Gran Gala Internacional, na que participarán o Traditional Dance Ensemble HACHN nor Hachn (Armenia), Pasacat Philippine Performing Arts (Filipinas), Identidad Perú, Netos de Badim (Guinea-Bissau), Coros y Danzas Abul-Beka, de Ronda (Málaga) e Bágoas da Terra.