
O Concello de Trabada abrirá este mércores, día 5 de agosto, o prazo de inscrición nos programas de conciliación Madrugadores e Ludiseráns para o curso escolar 2026-2027. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 26 de agosto, tanto nas oficinas municipais como a través da sede electrónica do Concello.
O programa Madrugadores desenvolverase en horario de 8:00 a 9:30 horas, antes do inicio da xornada lectiva, mentres que Ludiseráns terá lugar de 15:30 a 19:00 horas, unha vez rematado o horario escolar.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca: “seguimos apostando por programas que facilitan a conciliación da vida familiar e laboral das familias do noso concello, ofrecendo servizos que responden ás súas necesidades ao longo de todo o ano”.
O rexedor lembra que estes programas forman parte da aposta do Concello polas políticas de conciliación, ás que se suman outras iniciativas como os campamentos de verán ou os de Nadal que se desenvolven ao longo do ano para apoiar ás familias.
Desde o Concello de Trabada animan ás familias interesadas a formalizar a súa inscrición dentro do prazo establecido para poder beneficiarse destes servizos durante o vindeiro curso escolar.


