A XLII Feira de Artesanía de Viveiro reunirá do 7 ao 16 de agosto unha trintena de postos nos Xardíns Noriega Varela

O Concello de Viveiro inaugurará este venres, día 7 de agosto ás 17:30 horas a XLII Feira de Artesanía de Viveiro, “unha das citas máis consolidadas da programación estival”, que permanecerá aberta ata o 16 de agosto nos Xardíns Noriega Varela diariamente en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 22:00 horas.

“A feira reunirá unha trintena de postos de artesanía tradicional, nos que o público poderá coñecer e adquirir creacións de disciplinas como a cerámica, o téxtil, a madeira, a xoiería, a cosmética natural ou o vidro, da man de artesáns e artesás chegados de distintos puntos”, explica o Concello de Viveiro que ademais anuncia que “como novidade, a programación contará tamén cun stand efémero, que irá cambiando ao longo dos diferentes días da feira para dar visibilidade a novos proxectos artesanais, enriquecendo así a oferta expositiva durante todo o evento. Ademais as persoas visitantes poderán desfrutar da exposición La vida a tu lado tiene color, da artista Miriam Viveiro, que completará a proposta cultural da feira”.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destaca que a Feira de Artesanía “é unha cita imprescindible do verán viveirense, que contribúe a dinamizar a cidade, apoia o traballo das persoas artesás e ofrece unha proposta cultural e comercial de gran atractivo para a veciñanza e para quen nos visita”.

O Concello de Viveiro anima á veciñanza e ás persoas que visiten a cidade durante o mes de agosto a achegarse aos Xardíns Noriega Varela “para descubrir o traballo dos distintos artesáns e artesás participantes e desfrutar dunha das citas máis tradicionais da programación estival”.