
O Concello de Burela presentou na Praza da Mariña o libro titulado Os Bolechas. A Festa da Multicultura de Burela, unha nova publicación protagonizada polos populares personaxes infantís e dedicada nesta ocasión á diversidade cultural que caracteriza á vila. No acto participaron a alcaldesa de Burela, Carmela López; a concelleira de Cultura, Lina Gómez; e a cronista oficial de Burela, Herminia Pernas, que “foi a encargada de afondar na realidade multicultural do municipio e na importancia que esta tivo e continúa tendo na configuración da sociedade burelá”.
O libro leva aos Bolechas por diferentes espazos recoñecibles da vila, como a Praza da Mariña, o porto, as praias da Marosa e do Cabaliño ou o Parque Rosalía de Castro. “Ao longo da historia aparecen personaxes con raíces en diferentes países que comparten as súas roupas, músicas, instrumentos, comidas e linguas, nunha celebración da amizade e da convivencia”, explica tamén o Concello de Burela.
Durante a súa intervención Herminia Pernas destacou “a multiculturalidade como unha das características que mellor definen a Burela actual e puxo en valor a contribución das familias chegadas de diferentes partes do mundo á vitalidade demográfica, social e comunitaria do municipio”.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, sinalou que “é moi bonito que un libro dirixido aos máis pequenos mostre unha realidade que eles mesmos viven cada día en Burela. Queremos que aprendan desde pequenos a coñecer e valorar a riqueza que supón convivir con persoas, culturas e tradicións diferentes”.
Todos os nenos e nenas que acudiron á presentación recibiron un exemplar do libro de agasallo, “co obxectivo de que a historia poida continuar nas casas e compartirse tamén en familia”.
Trátase do terceiro libro dos Bolechas dedicado a Burela. Despois de O bonito de Burela, publicado en 2019 sobre a costeira do bonito e Os Bolechas comen peixe en Burela, chega este novo volume que pon o foco na multiculturalidade da vila.


