
Desde o Concello de Ribadeo fan unha chamada á paciencia, á prudencia e ao sentido común para a observación da eclipse solar de mañá, 12 de agosto. E piden que se teñan en conta as indicacións dos servizos de Policía Local, Protección Civil, Garda Civil, empregados de Tragsa e axentes medio ambientais da Xunta de Galicia.
O xefe da Policía Local subliña e lembra as zonas de exclusión: “a pasarela do Cargadoiro e o acceso á Illa Pancha estarán pechados así como a praia das Catedrais e as súas pasarelas e os sendeiros de todo o monumento natural, que serán vixiados por persoal de Tragsa e axentes medio ambientais da Xunta. Pedimos paciencia, prudencia e moito sentido común”. E segue a relatar: “o tráfico entre a rotonda das Catedrais en Ribadeo e o restaurante A Yenka en Barreiros estará cortado a partir das 15:00 horas e non volverá a abrirse ata a madrugada, cando a zona empece a quedar libre de persoas, que poderán transitar a pé por todo ese tramo de estrada ao longo de toda a tarde. Haberá tres aparcamentos perfectamente sinalizados, con persoal para colocar o maior número de vehículos posibles. E só se permitirá a circulación entre As Catedrais e Os Castros, en sentido Ribadeo, nunca á inversa. Ese treito de estrada da costa será dun so sentido. Os autobuses chegarán ao entorno das Catedrais deixarán aos pasaxeiros e volverán recollelos ao remate da eclipse, non aparcarán na zona”.
A concelleira de Seguridade, Montse Seijo, recomenda planificar previamente o desprazamento, agruparse no menor número posible de vehículos e chegar á zona antes das 19.00 horas: “non debemos agardar ao último momento para evitar as aglomeracións nas estradas de acceso. A concentración de vehículos pode provocar retencións e dificultar tanto o estacionamento como o traballo dos equipos de seguridade”.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, indica que “para facilitar os desprazamentos e evitar o uso do vehículo particular, haberá os servizos habituais e reforzos especiais entre Ribadeo, Foz e Lugo e a praia das Catedrais. Toda a información pódese atopar nas páxinas webs e redes do Concello de Ribadeo e da empresa Arriva”. A edil ribadense insistiu en facer unha chamada ao sentido común: “estamos diante dun fenómeno histórico, que todos queremos presenciar, pero debemos facelo dun xeito seguro, empregando gafas homologadas e seguindo os consellos que todos os profesionais involucrados nos están a facer chegar ao longo destes días. Non arrisquemos máis da conta para ver o eclipse, non expoñamos as nosas vidas para facer un selfie ou unha foto desde un cantil. Pensemos que será de noite e todo risco innecesario se multiplica”.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, contou que “Ribadeo converterase nun dos lugares privilexiados para vivir un acontecemento histórico: o eclipse solar total, un fenómeno que atraerá moitas persoas ao noso concello. Con motivo desta xornada tan especial, a Área de Igualdade do Concello de Ribadeo, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), instalará un Punto Violeta para contribuír a que este evento poida desfrutarse nun ambiente de respecto, convivencia e seguridade. Estará situado no aparcadoiro do areal entre as 21:00 e as 00:30 horas”.
Sobre as pantallas xigantes e o programa que terá lugar nas Catedrais a tamén edil de Cultura indicou que “o programa dividirase en dúas grandes partes. A primeira terá carácter divulgativo. O evento desenvolverase mediante unha conexión simultánea por streaming co Altar do Sol en Lalín, outro dos puntos galegos desde os que se seguirá o fenómeno. A dimensión astronómica correrá a cargo do profesor José Ángel Docobo e da astrónoma e científica Paula Cambeses, que intervirán conxuntamente antes, durante e despois da eclipse. José Ángel Docobo e Paula Cambeses converteranse na auténtica guía en directo da eclipse. Explicarán que está sucedendo no ceo en cada momento, que cambios debemos observar e como evoluciona a ocultación do sol, facendo accesible o fenómeno para públicos de todas as idades. Tamén se explicará o fenómeno das Perseidas ou bágoas de San Lourenzo”. A primeira intervención dos científicos será ás 19:15 horas.
Sanjurjo engadiu que “a segunda parte comezará unha vez rematado o eclipse e estará dedicada á música, coa retransmisión en directo dun programa da TVG no que participarán Panorama City, Francisco e 9Louro. Para asistir debemos recoller unha pulseira no propio recinto a partir das 15:00 horas”.
O Concello de Ribadeo solicita ás persoas asistentes que teñan en conta as seguintes indicacións:
• Chegar con suficiente antelación e, en todo caso, antes das 19.15 horas, para poder acceder ordenadamente e estacionar o vehículo.
• Agruparse no menor número posible de coches para reducir o tráfico e facilitar o estacionamento.
• Utilizar exclusivamente gafas específicas para eclipses que cumpran a norma EN ISO 12312-2:2015, conten co marcado correspondente e estean en perfecto estado.
• Seguir estritamente as instrucións de uso das gafas e as indicacións dos especialistas. As gafas de sol convencionais, aínda que sexan moi escuras, non protexen para mirar directamente ao sol.
• Non empregar gafas raiadas, perforadas, dobradas ou deterioradas, nin filtros caseiros, radiografías, cristais afumados ou dispositivos semellantes.
• Aplicar crema de protección solar e levar gorra, sombreiro ou algún elemento que protexa a cabeza.
• Vestir roupa e calzado cómodos, axeitados para permanecer varias horas nun espazo exterior.
• Levar unha cadeira pregable ou outro asento aquelas persoas que o precisen, especialmente persoas maiores ou con dificultades de mobilidade.
• Incorporar unha prenda de abrigo para a noite, xa que será necesaria tanto durante o programa da TVG así como na posterior observación das perseidas.
• Respectar en todo momento as instrucións da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, bombeiros, persoal municipal e responsables da organización.
• Manter especialmente vixiadas as persoas menores de idade para asegurarse de que empreguen correctamente a protección ocular.
“É unha celebración para gozar do ceo, da ciencia, do noso patrimonio e da música, pero debemos facelo con responsabilidade. Un pouco de planificación e o respecto ás indicacións permitirannos vivir unha xornada que quedará na memoria de Ribadeo”, conclúe Montse Seijo, a concelleira de Seguridade, que tamén pide respecto co entorno natural e que se evite deixar lixo.


