O Concello de Foz organiza unha nova edición da feira de gando de Cangas este domingo, 16 de agosto

Este domingo, día 16 de agosto, na área recreativa Os Castros de Cangas, o Concello de Foz organiza en colaboración con Cabaleiros de Cangas e as asociacións Os Castros, veciños de San Pedro e CMVMC Real, Rañadoiro e Agudo unha nova edición da Feira de Gando de Cangas.

A xornada contará con mercado tradicional, obradoiros de artesanía e paseos a cabalo gratis durante a mañá. Haberá animación musical, pulpería e sorteos. Ás 16.00 horas darán comezo as carreiras de andadura (serrada  en categoría de +1,5 e -1,5m e chapeada en categoría de +1,5 e -1,5m, tamén sub16).

O concelleiro de medio rural, Ángel Fernández Neira, e o alcalde de Foz, Fran Cajoto, presentaron un cartel xunto cos integrantes de Cabaleiros de Cangas.

 “Agardamos que a xente se anime a vir dar un paseo a Cangas e ver o traballo da xente do rural coidando que se conserven as tradicións e se siga apostando por unha vida nas nosas parroquias”, destacou o alcalde.