
O deputado provincial Daniel García achegouse este xoves a Cedofeita, en Ribadeo, onde o colectivo artístico As Vacas Fracas traballa nos últimos preparativos da cuarta edición da Cedofestiña. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización deste encontro cultural que se celebrará este sábado, día 22 de agosto, na contorna no Pazo de Cedofeita e que está dedicado as artes plásticas. E anuncia que “un certame artístico, exposicións, un obradoiro de estarcido e outro de colaxe para a cativada mestúranse no programa da xornada cun cartel musical que prima artistas emerxentes e nomes da nova fornada da música independente en galego como Dani Cornes, High Pau, Arde, Manolo Mançuernas, Varios Santos e Carratxa DJ Set”.
O deputado Daniel García valorou a traxectoria do colectivo artístico “cun traballo pola creación artística e o patrimonio continuado ao longo do ano” e destacou “a proposta para a xornada deste sábado, que supón unha aposta integral pola creatividade e o talento emerxente”.
A programación da Cedofestiña complétase con visitas guiadas ao interior do Pazo de Cedofeita.


